You are on page 1of 2

Comentario sobre La educación prohibida

Aleixandre Lago Barcala

A versión reducida do documental La educación prohibida presenta unha crítica


total contra os chamados sistemas educativos das sociedades contemporáneas –
centrándose no caso, sen facer máis distingos, dos países de fala hispana-, pero non un
estudo –ou apenas un esbozo- da orixe evolución deses sistemas, nin do seu encaixe no
conxunto social, o que lle da un carácter de negación máis abstracta que determinada. O
fío argumental é a contraposición entre un ideal da educación como arte de acompañar o
crecemento do neno de tal xeito que este poida desenvolver as súas potencias máis
elevadas, e a realidade dunhas institucións de control que impoñen unha serie de rutinas
e obxectivos que poñería freo a esas potencias: a educación estaría “prohibida”, ao
xuízo dos autores da película, porque o imperio do sistema educativo, que ocupa a
meirande parte do tempo do neno e moldea a fondo os seus costumes, impediría
absolutamente a relación pedagóxica axeitada e a evolución natural do neno. Perante esa
situación, o documental presenta –aínda que de maneira sucinta- unha serie de
institucións escolares alternativas que, sendo moi diferentes, compartirían o mesmo
obxectivo: o rescate do ideal da educación

Unha característica particular desta obra –froito de que nela interveñen como
entrevistados personaxes de ideas distintas uns dos outros- é que os seus ataques contra
o sistema educativo seguen patróns e premisas que non poden reducirse a un único
discurso: así, por unha banda, sinálase o desfase da información subministrada na escola
respecto das necesidades do mundo real –así como a existencia de materias comúns que
poden chocar cos intereses de quen xa ten decidido o seu camiño profesional e quere
centrarse nel-, supoñendo, xa que logo, unha valoración da utilidade, e, por outra banda,
critícase que a escola teña que estar ao servizo da utilidade social e que reproduza as
súas xerarquías de méritos e deméritos; ou ben apélase, nalgúns casos, á autonomía
individual, desdeñando a imposición de tarefas ou castigos, e deféndese, noutros, a
lexitimidade da comunidade para ter unha decisión final sobre todos estes asuntos. Por
iso non é posible ofrecer unha apreciación xeral da batería de críticas deste documental,
senón que habería que calibrar unha por unha.

En calquera caso, e malia ser claramente acertadas algunhas desas críticas, e


outras moitas esixir un debate serio, eu acho dous graves defectos de fondo no discurso
desta obra. O primeiro é discutir sobre ideais da educación e sistemas educativos sen
facer referencia a ningún marco social de referencia: resulta gratuíto postular ideais
independentes dos valores e a situación histórica dalgunha sociedade concreta, que é a
que os produce; e peor aínda é imaxinar sistemas educativos que non teñan como un dos
seus obxectivos a integración dos novos individuos na estrutura que vai organizar a súa
vida, xerar imperativos para el, e a cambio protexer e conservar a súa existencia, pois
todo isto é condición previa para calquera desenvolvemento de potencialidades. E o
segundo defecto é a presuposición dunha idea de natureza humana enteiramente
inadmisible, mesmo naif, segundo a cal o home é un ser que ten un principio interno de
desenvolvemento idóneo e que, sen dificultades exteriores, ese principio vaise
realizando por el mesmo ata a súa plenitude; unha idea que choca cos conceptos
compartidos da actual antropoloxía filosófica (o home coma ser, a diferenza dos
animais, mal dotado por natureza, que precisa sempre da axuda externa, sofre un longo
período de incapacidade absoluta despois de nado, e ten que recorrer á técnica e a loita
contra o medio para sobrevivir), e tamén co senso común.

En definitiva, este documental pode ter sentido coma primeira toma de contacto
crítica coa realidade educativa, pero, para avanzar na composición dunha análise
fundamentada, onde recuperar algunha das apreciacións concretas desta obra, sería
preciso sentar previamente unha filosofía máis sólida da natureza humana, escoller
algún sistema social de referencia, e unificar os criterios valorativos.

You might also like