You are on page 1of 4

QUE TURISMO?

3 Mércores 22, Novembro 2017 | Cultura |

"Vai haber un millón de visitantes, e se non


facemos algo non imos ter As Catedrais"
Marcos Pérez Pena | @marcosperezpena

Plan especial das Catedrais (.pdf)

Máis de 600.000 persoas visitan cada ano o espazo natural das Catedrais, en Ribadeo,
máis a metade concentradas nos meses de xullo, agosto e setembro (case 350 mil entre
os tres meses). Así o estimou o pasado ano o estudo O turismo na praia das Catedrais,
realizado polo IBADER da USC. A pesar de que en xullo de 2015 o Plan de conservación do
Monumento Natural da Praia das Catedrais estableceu un máximo diario de visitantes na
praia (4.812 persoas) a cifra total ao longo do ano non deixa de incrementarse e
calcúlase que no 2021, Ano Xacobeo, superará o millón de persoas, un rexistro
próximo ao de Stonehenge (1,3 millóns) e que case duplicaría ao da Calzada dos Xigantes
irlandesa (0,55 millóns).

Dende hai varios meses vense traballando nun Plan Especial para o espazo que contribúa
á súa protección e á ordenación desta masa turística. A pasada semana o DOG recollía a
aprobación inicial deste plan, que este martes foi presentado en Ribadeo polos seus
responsables técnicos e que terá agora un período de exposición pública de dous meses.
O documento, de máis de 300 páxinas, busca "mellorar a conservación do patrimonio
natural e da biodiversidade, mellorar e regular o tránsito das vías de comunicación, dos
elementos de urbanización inadecuados e dos impactos visuais notables", destaca o
alcalde ribadense, Fernando Suárez.

Na presentación do plan, Mario Crecente -responsable da consultora que elaborou o


documento- destacou que “non pode haber sostibilidade no turismo se non hai
ordenación”, unha xestión dos fluxos de visitantes que non se limita á praia (como figura
no plan vixente dende 2015), senón que se refire a toda a súa contorna próxima. "Todo o
mundo pensa que o monumento natural é a praia, e non. O monumento natural é esa
liña vermella que son a praia, os cantís, as condicións xeográficas, as prantas... O
monumento natural é bastante máis que a praia. E de feito cando un visitante accede ás
Catedrais sen mirar ben a táboa de mareas co que queda é coa vista ou coas actividades
que poida facer nos cantís, na contornas, etcétera", destacou.

O documento propón obras de urbanización de accesos, control de accesos e


aparcadoiro (que tería 1.300 prazas); a construción dun centro de visitantes, de
interpretación, cafetería e usos múltiples; obras de reurbanización da vía LU- 0610 e
adecuación de sendeiros tradicionais e puntos de observación; e tamén o traslado do
apeadoiro de ADIF para que os visitantes poidan achegarse ás Catedrais no tren. Unhas
actuacións que en conxunto terían un custo de 2,5 millóns de euros.

Crecente subliña que o plan se redactou tendo en conta non só o número actual de
visitas, senón o probable incremento que apuntan as investigacións do IBADER: "Se As
Catedrais estivera hoxe en 5.000 visitantes ao mellor non estábamos plantexando nada
disto, pero é que está en 600.000, e dicimos que pasado mañá vai estar en 1.000.000 de
visitantes, e se non facemos algo non imos ter As Catedrais, teremos outra cousa pero As
Catedrais non”. "Nós o que facemos é aplicar a lei. Calquera entende hoxe que na
Praza do Obradoiro nin se pode aparcar, nin se pode montar un bar nin un
restaurante. Isto é un monumento natural, ten o máximo nivel de protección de
todas as figuras que existen, máis que un parque nacional. Nós o que facemos é
aplicar esas figuras", concluíu Crecente.

O plan estuda tamén de que forma pode Ribadeo e toda a comarca da Mariña aproveitar
os beneficios desta masa turística e que este aproveitamento sexa respectuoso co medio
e sexa ordenado racionalmente. Fronte aos 673.851 visitantes que en 2015 tivo o
Monumento Natural das Catedrais (573.439 a praia), Ribadeo recibiu ese ano 69.618
viaxeiros/as e tivo 110.797 pernoctacións. “Os problemas que agora escoitades desde
Venecia ata Santiago son da xente que non pernocta, porque coa pernoctación podes ter
algún rendemento social ou económico para a vila ou para o territorio onde estás", dixo
Crecente.

"Hai que ter medios e en turismo estamos moi acostumados a que se fale sempre
de promoción porque é moito máis fácil que a ordenación. Pero non pode haber
sostibilidade no turismo se non hai ordenación. Se nos equipos que están nisto non hai
urbanistas, non hai xente que traballe no medio ambiente natural e que teña un pouco
de idea de como funciona isto do turismo, é moi difícil aspirar a que o turismo sexa
sostible”, engadiu. Alberte González, outro dos técnicos responsables do documento,
destacou neste senso que "a importancia do monumento se ten que estender ao resto
do concello, para que determinadas actividades, determinados fitos turísticos do propio
concello sirvan tamén como filtro e tamén regulen o acceso ao monumento, e así tamén
se estenda o beneficio da propia existencia aquí da praia de As Catedrais ao resto do
concello".

O exemplo de Stonehenge e doutros espazos protexidos europeos


"Faise necesario ordenar todo o espazo natural, como se fai nos grandes centros de
atracción medioambiental na Europa moderna e avanzada, onde nos queremos
mirar. Iso, nin máis nin menos, é o que pretende este documento", subliña Fernando
Suárez, alcalde de Ribadeo. En efecto, o documento compara a situación e a xestión das
Catedrais coa que existen en Stonehenge (Reino Unido), Calzada dos Xigantes (Irlanda do
Norte) ou no Brú na Bóinne (Irlanda), entre outros seis espazos "que teñen problemas
semellantes: moitos visitantes, concentrados no tempo, espazos de valor natural,
condicións de accesibilidade complexas pola súa situación...", explicou Mario Crecente.

"Con todos estes elementos: o respecto polos usos tradicionais que nesa zona se
desenvolven, a mellora e a ordenación do transporte privado e do público, tanto de
autobuses como do tren que ten un papel moi importante aquí pendente de cumprir,
queremos ofrecer ao mundo a nosa mellor cara, a nosa mellor disposición para que
siga vindo xente para ben de Galicia, para ben da Mariña e para ben de Ribadeo",
concluíu Suárez.

COA TÚA ACHEGA FAS POSIBLE QUE SIGAMOS PUBLICANDO NOVAS COMA ESTA.

OUTRAS NOVAS RELACIONADAS:


hai 44 minutos | Movementos sociais
A morte dunha moza marca o inicio do novo sistema de acceso á praia das
Catedrais

QUE TURISMO? 3 Sábado 17, Febreiro 2018 | Política

Medio Ambiente impón que os visitantes conten con autorización súa antes
de mercar os billetes de barco a Cíes

Luns 6, Novembro 2017 | Movementos sociais


Viveiro-Ribadeo: un derbi do século XXI... E un tren do XIX

QUE TURISMO? 3 Sábado 9, Setembro 2017 | Política

A Xunta volve salientar o incremento de turistas nun espazo protexido,


agora na praia das Catedrais

Xoves 15, Xuño 2017 | Movementos sociais


O plan urxente de Renfe para mellorar o tren do norte galego falla ao
primeiro día

Luns 20, Marzo 2017 | Movementos sociais


O tren do norte de Galicia, o grande esquecido

Mércores 8, Abril 2015 | Cultura


A inacción da Xunta pon en perigo o xacemento das Catedrais

Xoves 25, Setembro 2014 | Política |


A praia das Catedrais terá un límite de visitantes por día
Venres 5, Setembro 2014 | Deportes
Mil persoas a correr para que As Catedrais sexa parque natural

Venres 22, Agosto 2014 | Política


"Que a Xunta poña unha ducia de carteis na praia das Catedrais non resolve
nada"

Xoves 14, Agosto 2014 | Movementos sociais |


A última "moda absurda" que dana As Catedrais

Domingo 13, Xullo 2014 | Movementos sociais


As Catedrais pide "máis que boas palabras" para ser protexida

Luns 21, Abril 2014 | Movementos sociais |


As Catedrais: Morrer de éxito?

You might also like